Comezan Sete Noites na rede…

Sete Noites en Alaska, onde as noites son especialmente longas. Sete Noites que botan a andar dende un recuncho da blogosfera, agardando novas historias, novas palabras para lle botar ao lume e novas voces que se queiran achegar á lumieira. Esta revista literaria naceu hai moitas Noites en Alaska (máis de sete, seguro, xa van alá case dez anos), no seo da Asociación Cultural e Xuvenil Itaca, en Compostela. Un grupo de rapaces e rapazas querían darlle saída á súa creatividade, e o lume foi medrando. Agora prendemos un novo facho de luz na rede, para que todas as persoas que desexen darlle difusión aos seus relatos, poemas, debuxos ou creacións de calquera tipo poidan facelo.

É moi sinxelo: iremos publicando o material na rede segundo vaia chegando, e pronto será editado en papel. Os cinco números anteriores de Sete Noites poden ser consultados no local de Itaca (na rúa do Pombal, número 18, baixo), e en breve poderedes descargalos aquí tamén. Mentres tanto, iremos dándolle corpo a unha nova Sete Noites, e alimentando este espazo para a creación.

Para achegárdesnos o voso material, abonda con envialo a  7noites at gmail.com. A única condición é que os textos estean en galego (tanto a normativa ILG/RAG como AGAL), e que nos sexan enviados en formato Open Office Document (.odt) ou Portable File Document (.pdf). As imaxes poden tamén ser enviadas en .jpg ou .pdf. Tede en conta que todo o que enviedes será publicado baixo licenza Creative Commons.

E máis nada, agardamos novas colaboracións! Unha aperta.

Sen comentarios

No comments yet

Deixar unha resposta